Quim Farinha
  • youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

O Grupo

Quim Farinha Violíns, nickelharpa

Quim Farinha é un artista multidisciplinar: músico, fotógrafo, ebanista e lutier.

Quim Farinha sempre sentiu unha forte atracción pola música folk. Lembra como momentos moi excitantes da súa vida os primeiros festivais de Ortigueira, o concerto de Milladoiro un 25 de xullo na praza da Quintana, en Santiago de Compostela, e cando no ano 1983, estando interno nun colexio de curas, tivo que pedir permiso para asistir a un concerto de Gwendal.

Estudou violín con Laura Quintillán, a primeira violinista de Milladoiro, e tamén no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela.

Comeza a súa traxectoria profesional a finais dos 80 e principios dos 90, participando nalgunhas das formacións folk máis relevantes do momento como Dhais, Xorima ou Fía na Roca. Desde 1998 é violinista de Berrogüetto.

Compre destacar tamén a súa participación noutros proxectos de diversos estilos como Sol de Farofa (bossa nova-jazz), Talabarte trío (folk-jazz), Aló Djangó (swing). Adoita participar en foliadas, como a organizada semanalmente do pub compostelano Casa das Crechas. Actuacións improvisadas con compañeiros de profesión e músicos afeccionados, onde o que prima é compartir música e bos momentos.

Realizou distintas colaboracións discográficas coa cantante Uxía, pero tamén con Mugardos, Anubía, Emilio Cao, Pepe Vaamonde grupo e Malvela entre outros.

Como violinista, achéganos un xeito particular de interpretación baseado na dixitación e repertorio propios da gaita galega, aliñado con certas influencias de músicas de outras latitudes, preto das fronteiras do jazz.

Entre os anos 1997 e 99 foi profesor da aula de violín no Conservatorio de Música Tradicional na Universidade Popular de Vigo. Tarefa que tamén desenvolveu no Conservatorio Folque de Lalín.

Sen dúbida Quim Farinha é un artista multidisciplinar: músico, fotógrafo, ebanista e lutier. Como fotógrafo é imprescindible destacar a magnífica serie realizada para o último traballo discográfico de Uxía, Eterno Navegar. A súa actividade como lutier plásmase na fabricación de instrumentos como o nickelharpa, empregado na gravación do quinto disco de Berrogüetto, Kosmogonías (2010).

Froito do seu propio apego pola arte, impulsa a relación de Berrogüetto coa arte contemporánea, que se aprecia no especial coidado co que o grupo trata a dirección artística de cada disco.