• youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

Discografía

Kosmogonías

2010, Berro Guetto Música

Berrogüetto aproxímase á ciencia para achegarnos o seu universo e súa filosofía. Convídannos a parar e mirar cara arriba.

Plutón

Hai un berro que nace das entrañas e se retorce polas estrañas, incendia a epiderme e espreguiza o pensamento. Non sabemos onde nace, nin cara onde se dirixe pero fainos vibrar, arrolados por ese murmurio cósmico que nos converte, tamén a nós, en eternidade. Custou ferro e fariña abandonarmos a perspectiva xeocéntrica do universo e substituíla pola visión copernicana para entendérmonos como seres fráxiles nunha nova realidade en que se enguedellan o plano temporal e o espacial.

O horizonte de sucesos arrédanos da violencia gravitatoria do buraco negro e impídenos ir alén. Tamén regresar, atrapados nunha espiral enxordecedora de gases e materia e enerxías chamadas escuras. Por iso, proxectamos formas imaxinarias no planisferio para entender o que nos rodea. Buscamos os aneis de Saturno, o brillo de Venus, a silenciosa verdade da Estrela Polar, a xigantesca grandeza de Xúpiter e, como os antigos navegantes, marcamos rumbo á Cruz do Sur. Abrimos os ollos arrepiados da luz que vén do pasado remando a través de milleiros de anos. Admiramos as choivas de meteoros e tememos a evidencia dos tizóns que anuncian o paso das ánimas.

A noite ofrécenos núa a confluencia viva do pasado e do presente, do achegado e o afastado nun mesmo pestanexar. Non o fai en silencio. O corazón do universo vén moendo dacabalo dos séculos o seu tictac incansable. Fálanos a través da luz e do esfiañado murmurar das radios desintonizadas, das formigas que rebolen nas televisións vellas. Non é doado percibilo.

Por fortuna existen corpos abertos que atrapan as harmonías e nos permiten sentir ese alento cósmico, multiplicando así o berro iracundo e telúrico dos oprimidos do universo. Corpos abertos que nos alertan co seu laio prodixioso sobre esas perigosas afinacións que só conducen ao silencio estéril. Corpos abertos que acompañan co seu canto o éxodo forzoso de Plutón á listaxe dos planetas ananos, exiliado da celebridade dos agora oito planetas do sistema solar. E son aloumiño e son denuncia.

Berrogüetto, corpo aberto en sete latexares, trasládanos esa infinita sinfonía, unha voz que xorde de tan dentro que mesmo doe porque é a nosa propia voz feita música. Eles fannos soñar que outra música, outra orde cósmica é posible. Unha harmonía na que estrelas dobres, planetas con aneis e satélites bailan unha danza lenta de órbitas nun agarrado estelar en que as tensións gravitatorias equilibran os forzas, deseclipsan as percepcións e evitan os tropezóns. Tamén a soidade do exilio de Plutón.

E con eles, na noite estrelecida, bailamos cometas de esperanza e tecemos kosmogonías turronamente posibles.

Rosa Aneiros
Ecometrías e relictos.

Din as malas linguas que onde hai materia existe anti-materia, onde hai un quark, existe un anti-quark e cando chocan, aniquílanse mutuamente. Partindo desta singularidade e por algunha razón, vai acontecer un feito sen precedentes. Por unha apertadísima marxe, a materia gaña unha especie de pulso cuántico á anti-materia, e así, como se do desgarrador berro dun recén nacido se tratase, prodúcese a Grande Explosión ou Big Bang (como lle chamou un astrónomo en ton xocoso, contrario á tal teoría.)

Nos primeiros instantes do espazo-tempo, as chamadas partículas elementais (bosóns, fermións, quarks, electróns...) iniciaban unha caótica viaxe, unha auténtica fuga in crescendo e, debido ás altísimas temperaturas, desligadas, desarraigadas, sen orde nin concerto, como notas musicais sen un pentagrama que as sustentara, como unha grande orquestra en proceso de afinación, xerando unha estraña sonoridade, sen melodía, sen harmonía, sen compás...

Só cando comezou a arrefriar este caldo-sinfónico-cósmico, as ditas partículas puideron ligarse a xeito. Os quarks formaron protóns e neutróns, estes os núcleos, que serían orbitados á súa vez por electróns, a modo de nano-sistemas planetarios. Desta forma fixeron acto de presenza os primeiros átomos, a primeira luz. A grande orquestra executaba, conxuntada, as primeiras melodías, as primeiras harmonías do cosmos.

A partir daquel momento, a obra musical máis grande xamais composta inunda o espazo onde queira que dirixamos unha antena de radio. A chamada Radiación de Fondo Cósmica, o eco daquel berro primixenio dun ser ansioso de ver a luz, acontecido hai catorce mil millóns de anos, temos aínda hoxe a extraordinaria oportunidade de sintonizalo, pois unha pequena parte do son que hai entre as emisoras dunha radio ou a imaxe entre as canles dun televisor en forma de ruído branco vén sendo algo así como a banda sonora do universo.

Desde que a primeira pinga de intelixencia brillou na humanidade, a nosa especie non deixou de abraiarse da magnífica visión do espazo e, civilización tras civilización, xamais deixou de xerar mitos, lendas, cosmogonías que poetizaban o movemento dos astros e a súa propia existencia. Porén, cada paso que dá a ciencia, cada novo descubrimento, á vez que derruba antigas crenzas inconsistentes, parece que acentúa en vez de minguar esa sede creativa, esa necesidade de transmutar a emoción en novas melodías.

Asemella que vivimos nunha sociedade que deixa pouco ou ningún tempo para calquera profundización. Quizais por ese motivo, Berrogüetto convida a deter por un momento o acelerado ritmo da vida cotiá e aníma á observación, á contemplación do ceo nocturno. Convida tamén á reflexión, a facerse preguntas, cada un ao seu xeito, ou simplemente a deleitarse co que probablemente continúe a ser o maior espectáculo para os nosos sentidos.

Quico Comesaña
  • 1
    Alalá da noite [4:34]
      Letras
    Música: Quico Comesaña / Xabier Díaz Letras: Manuel Rivas
  • 2
    Astrea [2:18]
     
    Música: Quico Comesaña
  • 3
    Igneominea [4:22]
     
    Música: Anxo Pintos
  • 4
    Líridas de abril [4:20]
      Letras
    Música: Tradicional/ Xabier Díaz / Guillerme Fernández Letras: Tradicional / Xabier Díaz
  • 5
    Planeta Can [5:06]
     
    Música: Quim Farinha
  • 6
    Cantar de Camiño [4:53]
      Letras
    Música: Tradicional/ Xabier Díaz / Guillerme Fernández Letras: Tradicional / Xabier Díaz
  • 7
    Nadir [4:38]
     
    Música: Santiago Cribeiro / Guillerme Fernández
  • 8
    Danza de Meirol [4:23]
      Letras
    Música: Tradicional/ Xabier Díaz / Guillerme Fernández Letras: Tradicional / Xabier Díaz
  • 9
    Ataque de jota [5:02]
     
    Música: Santiago Cribeiro
  • 10
    Caneta de poeta [4:28]
      Letras
    Música: Xabier Díaz / Guillerme Fernández Letras: Xabier Díaz
  • 11
    Esfericantus [4:34]
     
    Música: Anxo Pintos